As cantigas son un alicerce da lírica medieval ibérica e unha xoia literaria e lingüística de Galicia e Portugal. Dende o século XII ata o seu apoxeo no XIII, estas composicións elevaron o galego-portugués a lingua de prestixio nas cortes galegas, portuguesas e castelás, sendo vehículo dunha poética singular. Os seus xéneros abranguen dende as cantigas de amor e de amigo, co seu lirismo e voz feminina, ata as cantigas de escarnio e maldicir, e as Cantigas de Santa María, que celebran a devoción mariana. Esta lírica medieval reflicte unha lingua rica en arcaísmos e musicalidade, que combina o popular co culto, e que hoxe segue a ser un testemuño valioso da Idade Media.
Encargadas e promovidas por Afonso X, conforman unha das coleccións máis importantes da lírica mariana en galego-portugués. Este conxunto, composto por máis de catrocentas cantigas, organízase en dous tipos principais: as cantigas de milagres, que narran intervencións da Virxe María en situacións de perigo ou necesidade, e as cantigas de loor, que son alabanza en honra dela. A obra é unha das poucas compilacións medievais que fusiona poesía, música e ilustración, e a súa estrutura reflicte unha coidadosa intención didáctica e devocional.
As Cantigas de Santa María inspíranse no estilo de obras francesas como os Miracles de Notre Dame de Gautier de Coincy, pero Afonso X adáptaas a un marco ibérico, enfatizando unha visión persoal da Virxe como intercesora e protectora do reino.
No século XIII, os trobadores galegos desenvolveron un subxénero de cantigas ambientadas en santuarios e ermitas de Galicia, situados na súa maioría ao longo do Camiño de Santiago, incluíndo lugares da Ribeira Sacra e outros que hoxe están desaparecidos. Nestes textos, o marco relixioso permite expresar tanto a devoción popular como o amor cortés, nun xogo de dobre sentido no que a dona ou o Senhor acoden ao santuario cun aparente fin devocional, aínda que o verdadeiro obxectivo é atoparse co amado. Porén, este encontro raramente se consuma, deixando unha atmosfera de desexo insatisfeito.
Neste programa, optamos por unha interpretación íntima, en formato de dúo, afastada das versións de grandes formatos ás que adoito se asocian as cantigas. Inspirámonos no estudo musicolóxico de Christopher Page, que propón dous espazos sonoros fundamentais na música medieval: a igrexa e a corte, esta última ligada á cerimonia, á política e aos grandes eventos públicos. En contraste, a cámara aparece como un ámbito privado, de recollemento e expresión persoal, onde a música podía adquirir unha dimensión máis introspectiva.
É nese espazo da cámara onde situamos a nosa proposta: unha lectura delicada e próxima, que busca escoitar o alento poético das cantigas sen artificios, deixando que a palabra e a melodía respiren con naturalidade.

Deja un comentario